Eva Vérez, a man tendida por Alberto González-Alegre




Pintora e debuxante de intenso traballo cotián, Eva Vérez téndenos a man nos seus cadros dobre ou triplemente. Primeiro como referente subxectivo da intimidade que respiran, segundo como literal chamada de atención ó espectador e terceiro como icono preferente da súa figuración. Tanto como artista, é unha poeta que se esforza en rescatar do branco imaxes sensíbeis, dunha sensibilidade baseada, sobre todo, no subxectivo.

No subxectivo, sí, pero non na inxenuidade carente de discursos. Ela fala, coa súa man tendida, de respostas, pero as súas obras, como as de todo artista de verdade, o que nos propñen son preguntas. Un xesto pintado e unha actitude plástica ben deliñada pola súa parte. Sempre son máis interesantes as preguntas que as respostas, que habitualmente serven para rebaixar a longura da incógnita e matizar a acidez do preguntado.

Aparte tiramos moi por fóra da diana cando só agardamos respostas sen caír na conta de que xusto o que precisamos son preguntas, preguntas a maior parte das veces sen contestar, e estas son, de xustiza, as máis interesantes posto que evidencian canto a arte ten de abismal e, como a propia Eva Vérez di, de embruxo, de inquedanza e desacougo.

Cadros que formulan preguntas. Pero é lexítimo e tal vez unha obriga dicir que necesitamos respostas ás nosas preguntas. É unha necesidade indisolúbel da nosa natureza. Mais, habitualmente, só conquerimos silencio (no mellor dos casos) ou retórica. Nada do que preocuparse, forma parte do traballo do espectador, constrúe a trama de fíos diferentes.

A arte encóntrase no territorio da pregunta e quizais sexa unha das poucas actitudes estrictamente interrogantes. Con enigma, Eva constrúe o seu branco sobre branco, e faino con estructura narrativa, como se dun cantar de cego se tratase, como unha man tendida agora non literal que nos propuxese idear unha narración diversa cada día, un sentimento tras outro e así de cadro en cadro, de emoción en emoción.

Comentarios

Entradas populares de este blog

E.VÉREZ CV 1991-2007

LUNA-MOON